Solución Salina

A miña lingua é pop

Projecto-Mourente

A lingua entra polos oídos e non hai cerume que se lle resista. Pouco importa que o intéprete sexa italiano, catalán, galego ou ata chinés, porque cando a palabra non se entende sempre nos queda a melodía. Ninguén deixou de escoitar a Franco Battiato, a Lluís Llach ou a Andrés do Barro por cantar na súa fala, e iso sábeno ben en Alemania, en Francia e mesmo no Estado español, onde o ferrolán se chantou nos anos setenta como un auténtico ídolo xuvenil apto para filmes de sesión de tarde.

Precisamente él, subido nun tren que o levaba pola beira do Miño, abandeirou a canción pop galega e en galego. Pop de popular, como lixeiros e populares foron tamén Xil Ríos ou Ana Kiro, que se atreveu a versionar La Bamba (Ritchie Valens mediante) cun chisquiño de gracia. Eles xiraron como rodas de muíño por salas de festas e verbenas levando o verbo á masa, porque o secreto está nela, xa o dicía o anuncio.

Canción de berce e protesta á marxe, ten feito máis o pop (entendido como corrente artística e cultura da sociedade de consumo) pola normalización do idioma que todas as campañas da Mesa xuntas, aínda que os tendeiros ben agradeceran aqueles cartaces das rebaixas, non tanto pola profusión de xes nos escaparates como polo seu carácter gratuíto, é de supoñer.

Pop, logo, sería Shin Chan e todo o manga xaponés, como pop son tamén as camisetas-souvenir Can de palleiro que con tanto orgullo locen os mozos de aquí e acolá. Pop é o Xabarín Club e tamén Projecto Mourente, primeira experiencia dance na nosa terra. E non tenten sacar agora da manga a París de Noia ou a Panorama, que con eles tamén se baila, pero falamos doutra cousa.

Trátase da absorción, por parte dun artista local, dun xénero ata agora descoñecido en lingua galega: a música de baile, tecno, disco, electrónica ou, para entendérmonos, feita con maquinillos, teclados e computadores. Música dunha era dixital que se resiste a penetrar no noso territorio. OBK ou Camela xa teñen competencia nas pistas, ao que habería que sumar o valor engadido que aporta Mourente. Calquera pode suar, facer xogos de pernas imposibles e cantaruxar mentras baila en galego.

Unha lingua non está normalizada cando se emprega para escribir unha carta de amor ou unha declaración de guerra, senón cando un fica mollado coma un pito na discoteca ao son dunha canción. Entón non hai fronteiras nen diglosias, porque as glándulas sudoríparas non falan idiomas, pero ben saben o que as fai rir e chorar. Si, moitos teñen botado un baile animados por unha gaita ou por berros enxordecedores, pero non nos encadremos.

Non se trata de que as únicas palabras na nosa lingua figuren nas páxinas de opinión e cultura dun xornal, singulares reservas indias do galego, que debería ter máis usos musicais que os vencellados ao folk ou ao rock combativo. Tampouco, falemos claro, do emprego dunha lingua como instrumento político. A normalización pasa polo cabreo que un pillaría, valla como exemplo, se vise a notificación bancaria, eses números vermellos que non son nin de esquerdas nen de dereitas, escrita en galego, e non precisamente por que sexa no noso idioma senon porque andamos faltos de cartos.

Detrás de Projecto Mourente, por certo, agóchase Carlos Valcárcel, profesor de francés que compón, toca e grava cancións na súa casa para que a xente baile na punta do pé. Letras sen consignas nen mensaxes explícitas. En galego, a mesma lingua na que fala, fode e soña. Un feito diferencial, visto a escena musical, que non debería de selo. Viva la fiesta.

______________________________________________________________________

Estou en Twitter e Facebook

Más Noticias