Solución Salina

El 15-M y la conquista del espacio público

El 15-M y la conquista del espacio públicoHace dos meses, Marcos Pérez Pena me propuso escribir un texto para un libro publicado por 2.0 Editora sobre el movimiento 15-M. En él estarían presentes tanto voces académicas (Raimundo Viejo, Víctor Sampedro o Carlos Taibo) como las de miembros de las comisiones y asambleas de barrio surgidas en las urbes gallegas.

Manolo Barreiro daría paso tras el prólogo de A praza é nosa. Quen constrúe a democracia? a representantes de Universidade Invisible, Attac, Proxecto Derriba o Democracia Real Xa, pero el coordinador de la obra también buscaba "visiones más urgentes y originales" de periodistas.

Una es la de Xosé Manuel Pereiro y la otra, ésta. Como mi experiencia giró en torno a la acampada de la Puerta del Sol, decidí escribir sobre la conquista del espacio público. Original, no lo sé, pero de la redacción apresurada doy fe.

Nota: a ver si lo traduzco al español, pero creo que puede leerse sin mayor problema.

 

A Porta do Sol e a conquista do espazo público

O quilómetro cero dunha cidade é ese lugar a onde acoden os turistas coa intención de sacar unha foto mentres lle rouban a carteira. Moitas veces, eses eixos perden o seu sentido e son desprazados, como nun big bang urbano, por outros centros: turísticos, comerciais, financieiros ou culturais. Noutras ocasións, o bulir das rúas convida a visitalos de día e, como se fosen víctimas da rabuñada dun zombie, a evitalos de noite. Cando chega o solpor, ao centro histórico de Sao Paulo, sen ir máis lonxe, chámanlle Crackolandia: un espazo onde os executivos do Santander Banespa danlle paso ao impaís errante dos escravos da droga. Pese a todo, os paracaidistas da viaxe seguen chantándose na xis de turno, ata o punto de que en Madrid tiveron que cambiar –por desgaste, de tanto pisala– a lousa que sinalaba que de alí, fronte á Real Casa de Correos, partían as estradas radiais do estado.

A Porta do Sol foi e segue sendo, para os madrileños e visitantes, unha praza centrípeta. Pero se hai séculos era un febril mentidero (alí onde se trocaban novas e rexoubeos) e logo se converteu no miolo dos cafés literarios, a histórica praza entrou no século XXI como unha postal na que non podía faltar o cartaz de Tío Pepe. Para os de fóra, era o catódico lugar onde se celebraba a chegada do novo ano, doce badaladas mediante, co reloxio de Gobernación como mestre de cerimonias. E para os de casa, o meeting point dos recén chegados que non coñecen ben a cidade ou dos parroquianos sen imaxinación, aínda que é ben certo que ninguén queda no Metro Las Tablas para tomar uns viños. Iso, antes de que cambiaran a estatua do Oso e o Madroño, porque agora, para non liarse, paga a pena quedar en La Mallorquina, e así un adoza a espera cunha napolitana da antiga confeitería; ou en Casa Labra, un local cunhas talladas de bacallau saborosas onde un señor chamado Pablo Iglesias fundou o PSOE de tapadillo.

Para outra cousa, ninguén vai á Porta do Sol, agás que sexa un chapero, un mimo, un vendo ouro, un carteirista, un músico de rúa ou, xa dicía, un turista. Tamén hai quen vai de compras polas rúas da volta, aínda que para ir a Zara non fai falla chegar ata aquí. E quen recolle firmas ou se manifesta, mais corren o risco de que os confundan con profisionais do timo ou cun grupo de xaponeses, depende dos que sexan e do que berren. Por exemplo, o 31 de maio de 2011, os xogadores do Rayo Vallecano celebraron no balcón da sede do Goberno de Esperanza Aguirre o ascenso a Primeira División e abaixo, festexando o triunfo, había menos afeccionados que policías nacionais no cordón de seguridade. Resulta que os escasos vallecanos tampouco se deixaron oír moito, xa que o balbordo que tiñan arredor de sí era notable. Centos de persoas, nun campamento improvisado, estaban a facer a revolución ou, polo menos, a intentalo.

A manifestación polas ruas de Madrid a favor dunha "democracia real" que tivera lugar dúas semanas antes, o 15-M, foi o detonante dunha protesta nocturna na Porta do Sol que derivou en acampada. A represión sufrida ao final da marcha e o desaloxo dos poucos que decidiron pasar a noite seguinte na praza multiplicou, nos días posteriores, o número de persoas dispostas a rebelarse contra un sistema electoral que según elas non as representaba, contra un mercado laboral que as excluía ou explotaba e contra os políticos corruptos. A cidade xa tiña esixido espazos sociais e culturais de abaixo arriba, afastados dun concepto elitista, así como reclamado o acceso a unha vivenda digna, de onde saiu un dos mellores eslogans do novo milenio: "Non vas ter unha casa na puta vida".

A frustración viña de atrás e xa se manifestara nas rúas en anteriores ocasións, mais virou de gran formato a partir do 15 de maio, unha semana antes das eleccións municipais, o que amplificou o eco da queixa. Os cidadáns indignados pedían unha "democracia máis representativa" que os fixese partícipes e unha "total transparencia" dos gobernantes, ademáis da separación "efectiva" dos poderes públicos e a creación de mecanismos de control popular para garantir a "responsabilidade" que os dirixentes tiñan nas súas mans. Unhas esixencias que, máis aló das cores políticas, poderían estar en boca de calquer suxeito con dous dedos de fronte, empezando polos gobernantes saídos das urnas.

Sol, neses días, converteuse nunha polis dentro dunha metrópole e flirteou coa idea de que unha civilización pode nacer de novo. O primeiro exemplo que se dou foi o da organización, a orde e o respeto, creándose todo tipo de comisións, que trataban dende temas macroeconómicos ata o da propia limpeza do lugar. En ocasións, certo, caéuse na anécdota, e houbo quen fixo apoloxía do amor e quen puxo a proba a producción minifundista de cebolas. Tamén, nun exercicio burocrático que terminou imitando as estruturas que criticaban, medraron os grupos de traballo como cogumelos e cada paso cara adiante foi trabado polas propias regras do xogo, radicalmente democráticas: un voto en contra nunha asamblea a man alzada derivaba nun veto a unha proposta aprobada pola xeralidade dos participantes nela.

Os defectos e as bondades da acampada en si, que por momentos ameazou con fagocitar o propio movemento (a parte polo todo, o continente polo contido, o símbolo pola cousa simbolizada, como se se tratase da metonimia da revolución), foron e seguen sendo tratadas por analistas en diversos foros. Eu, aquí, quería falar dunha consecución que escapa á praza, aínda que ésta fora o principal dos seus escenarios: a ocupación do espazo público, a conversión dun plató (a Porta do Sol como unha inserción croma onde se substitúen os edificios en obras por grandes pancartas publicitarias), espazo artificial (o quilómetro cero como un set turístico onde os visitantes son fotografados e filmados para probar que estiveron na cidade: I was there) ou escenario (os reporteiros televisivos facéndolle todo tipo de preguntas estúpidas aos transeúntes, trasuntos dos españois; os ultras cristiáns tocando a guitarra e cantando na procura de adeptos; as arengas de candidatos menores en púlpitos portátiles, como se iso fose facer política; os baños de masas con coartadas de todo tipo, ata xustas, pero sempre en busca de proxección mediática) nun lugar de convivencia, de uso común e real, útil e humano, onde se fan cousas, onde se está a crear algo.

¿De onde víñamos para chegar ata aquí, para valorar o uso dun espazo público pola cidadanía e a mesma presenza consciente nesas coordenadas, máis alá, no mellor dos casos, dun mero lugar de paso? Na sociedade contemporánea tíñase producido unha confusión entre o público e o privado que nos levou, en ocasións, a non diferenciar un concepto do outro. Se unha persoa, ao longo da súa existencia, traballara, consumira e durmira –á parte de reproducirse e outros mesteres, que estarían incluidos nunha subsección que poderiamos chamar disfrutara do seu tempo libre e que, indubidablemente, formaría parte de consumira: os libros, o cine, a música, as ceas, as copas e os condóns convertéronse nunha mercadoría–, e estes tres actos son levados a cabo pola práctica totalidade dos cidadáns, decataríamonos de que todos eles desenvólvense nunha esfera privada, salvando as excepcións.

No apartado do consumo, prodúcese un curioso fenómeno de traslación do público ao privado: ás veces, mesmo sen que nos deamos conta. Nos anos oitenta, no que respecta a Galicia, aparece a figura do hipermercado, que rouba a idea, despraza e pretende substituír á feira. Non tardou en calar ata nas xeracións máis vellas, para as cales aquela construción a carón da avenida de Alfonso Molina da Coruña era o gran feirón, pero con tellado, algo que na nosa terra tamén axuda. Tempo despois, primeiro en Catro Camiños e logo tamén na contorna –pensemos en Carballo ou Cee–, érguese o centro comercial, un concepto baseado na praza pública e que consistiría neso mesmo: comer, beber, comprar e facer vida sen saír dun perímetro dado, tamén cuberto.

O sistema falla, afectando neste caso ó cidadán ou consumidor, cando este tenta facer uso dese espazo privado como se fose público: é dicir, que se eu e catro amigotes nos manifestamos con pancartas a favor dun Buño ceibe e con saída ao mar, é moi probable que os gardas de seguridade –xorde aquí de novo a confusión entre o público e o privado– nos inviten a pechar a porta por fóra porque estaríamos facendo uso do noso dereito a manifestarnos nun couto particular. E non se pode, claro.

Algo tense avanzado, a maior parte das veces cun carácter lúdico, como acontece cos flash mobs, esas performances colectivas nas que un numeroso grupo de persoas reúnese nun punto concreto para realizar unha acción determinada (normalmente, unha parida, aínda que no Estado español tamén ten habido accións organizadas en bancos para criticar o capitalismo, como as dos activistas de flo6x8). Aínda así, como aconteceu coa arte da rúa ou a moda nacida nos guetos das barriadas, o propio sistema termina engolindo estas manifestacións, dulcificándoas e facendo delas unha estratexia máis do márketing guerrilla.

Aconteceu co deporte (un non corre polas beirarrúas senón, previo pago, pola cinta do ximnasio, e non falemos xa de coller a bicicleta nunha cidade como Madrid) e co lecer. A xente contempla a tarde do sábado como un paseo polo shopping (compra, cine, refrixerio, parque infantil para os cativos e aparcamento) ou, volvendo ao símil do set cinematográfico, polos outlets, centros comerciais ao aire libre construidos nas aforas da urbe que imitan unha cidade mesma, coas súas rúas, farolas, adoquíns e adosados: cada casiña, unha tenda.

Cando vivía en Roma, compartín academia de italiano cunha xaponesa que se extrañou cando, no medio dunha lección, usei a expresión dar un paseo: "Pero, ¿a onde?", preguntou. "A dar un paseo", respondín eu, sen facerme entender. En Fukuoka, a xente saía da casa para ir a traballar, a mercar ou ao centro comercial –onde a xuventude nipona adoita quedar para celebrar os aniversarios, ben na xeladería, ben no karaoke–, polo que pisar o asfalto sen un destino predeterminado era para ela algo propio dun Ulises desnortado. O abandono dos centros urbanos pola degradación ao que foron sometidos, en ocasións permitida polas administracións debido a intereses especulativos, tamén fixo que nalgunhas metrópolis suramericanas as clases máis pudentes se refuxiasen nos shoppings, lonxe da inseguridade das novas crackolandias. E, neste caso, a camiñata ata o centro comercial acontece sempre sobre catro rodas. Logo, unha vez dentro, as escaleiras mecánicas farán o resto.

Mentres nas feiras se siga regateando e nas prazas, paseando, mentras eses espazos públicos resistan, dicía, conservarase un anaco de humanidade, aínda que en Galicia chova por nós. Non obstante, en Madrid, as obras de remodelación das prazas acometidas polo alcalde conservador, Alberto Ruiz Gallardón, teñen revelado unha maquiavélica política de exclusión social, empezando polos indixentes. Santa Ana, Santa María Soledad de Torres Acosta, Callao e, recentemente, Ópera son espazos sen árbores nin sombra (como para morrer de insolación de maio a septembro), alfombradas de granito, sen parterres e onde os bancos de madeira con respaldo foron substituídos por cubos e bancos de pedra nos que é imposible conciliar o sono.

Algúns, de madeira, máis que bancos son cadeiras, en ocasións en posición dez e dez do reloxio, de xeito que manter unha conversa entre dous anciáns pasa por un revirigancho tipo nena do Exorcista. Por non falar dos cortes transversais crebacolumnas na pedra ou as separacións de ferro, a modo de apoiabrazos, na metade do mobiliario. En definitiva, as prazas de Madrid convertéronse niso: nun lugar de paso, nun estudio fotográfico, nun escenario para eventos publicitarios (cuxas estruturas teñen provocado a rotura das baldosas), nunha terraza de bar... E de novo, caña de cervexa en man, xorde a pregunta: ¿espazo público ou privado?

A acampada na Porta do Sol, durante os meses de maio, xuño e xullo do 2011, supuxo a conquista do espazo público, e quen di o quilómetro cero di moitas das prazas do centro e doutros barrios de Madrid. O seu desmantelamento, en certa medida, foi positivo, porque corríase o risco de entender o campamento como o 15-M e non como unha ferramenta. Pero queda unha pegada indeleble: ninguén poderá desaloxar das mentes da cidadanía a idea de que a rúa, a praza, sexa a do Sol ou a dos Cines Luna, é súa.

______________________________________________________________________

También estoy en Twitter y Facebook

Más Noticias