Solución Salina

Deus fala galego

dia-letras-galegas

Se a patria son a terra e os mortos, que dixo Cunqueiro, un non debería dar herba sen antes ter sido despedido nestoutra patria que é a nosa fala. Un idioma está normalizado cando é quen de enviar cartas de amor e declaracións de guerra sen recorrer á lingua considerada de prestixio, pero tamén cando celebra un funeral. É o xeito de sermos galegos ata a sepultura.

O teólogo Andrés Torres Queiruga lembraba que, cando entrou na Real Academia Galega en maio de 1980, había membros da institución que falaban en castelán. Que non acontecería entón nas igrexas, a onde só uns días antes do seu ingreso chegara a tradución do orixinal grego ao galego de O Novo Testamento, un dificultoso traballo de varios anos que el mesmo dirixiu.

Todo un fito: os seus impulsores, cristiáns galeguistas, puxéranse en contacto con Ángel Suquía, daquela arcebispo de Santiago, quen os remitiu ao Vaticano. Como hoxe na economía europea, todo pasaba por Alemaña, pero o instituto que se encargaba da publicación da Biblia en diversas linguas respondeulles que non podían facer nada por Galicia, xa que só se ocupaban dos países en vías de desenvolvemento.

Coitados de nós, súbditos dunha superpotencia en diglosia. E así seguiríamos se non fose por aqueles impenitentes tradutores e biblistas, así como polos cregos quixotescos que teimaron en levar a palabra galega de Deus ao pobo. Xosé Morente e Manuel Espiña tiveron a honra, tralo Concilio Vaticano II e o visto bo do arcebispo Fernando Quiroga Palacios, de misar por vez primeira en galego aló polo 1965 nas Capuchinas de A Coruña.

En realidade, adiantárase catro anos Salvador Antonio Rodríguez Fraiz-Gil, o cura de Campañó, pero para facelo tivo que viaxar a Bos Aires, onde oficiou unha histórica cerimonia en memoria de Castelao. Alí, na quinta provincia, seguiría celebrando no noso idioma o insubmiso Faustino Rey Romero, quen se vira obrigado a deixar atrás a atmosfera opresiva de Tui para coller aire lonxe da enferruxada Igrexa franquista.

Pioneiros, moitos: García Cebrián, Barros Gómez, Cerviño Cerviño, Campos Suárez... Logo houbo quen tamén contribuíu á normalización da fala máis alá do altar. Quiroga Palacios colaborou na revista Logos, onde se declarou a prol do Estatuto. E o Pai Seixas escribiu 400 nomes galegos pra homes e mulleres, que inspirou tantos bautismos en lingua vernácula, ata o punto de que o expresidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín chegou a atribuírlle a paternidade dos "Rois, Sixelas, Irias e Antías que hoxe existen".

Máis preto da miña vila, e por citar un último crego exemplar, Xosé Pumar Gándara dou conta da fraseoloxía vizosa que agroma en Coristanco nos once tomos da Historia de Seavia, aos que habería que xuntar outros tantos que lle dedicou a Bastavales, onde dignificou a figura de Rosalía de Castro. Agora, aos seus 82 anos, ultima a Viaxe polo corazón de Bergantiños, bastión do galego tanto no ceo como na terra.

______________________________________________________________________

Estou en Twitter e Facebook

Más Noticias